O equipo, que contou con numerosas baixas respecto do mércores, tivo o balón para gañar na última xogada do partido.
Foto: Frederick Ortiz (Celta Baloncesto)
A CRÓNICA
O Celta Femxa Zorka perdeu na primeira semifinal da Copa Galicia, disputada en Ferrol, ante o BAXI Ferrol (57-59). A medida que se achegaba o comezo do encontro, as dificultades foron medrando para o conxunto dirixido de novo por Dani Nieto.
O Celta presentouse coas xa coñecidas baixas do encontro de Vilagarcía, pero sumou máis efectivos á lista de ausencias. A Cristina Cantero, que se atopa disputando o Campionato do Mundo en Berlín, e Tova Savel, que está a competir no Europeo 3×3 da FIBA, engadiuse Marina Gea, que sí disputara o partido do mércores pero foi baixa de última hora por motivos persoais e non puido acudir ao encontró. Por último, Leslie Vorphal realizou o quecemento, pero non disputou ningún minuto por prec<aución.
E, por se xa non fosen poucos os impedimentos, Martina Vizmanos lesionouse aos poucos minutos de comezar o partido. Catro baixas que parecen demasiadas ante un rival con unha semana máis de adestramentos nas vésperas da súa eliminatoria previa da EuroCup e, ademais, como local na Copa Galicia. Para complicar aínda máis a situación, unha incidencia no transporte provocou que se trastocase toda a activación do equipo, que chegou á Malata con apenas 40 minutos de marxe.
Con este panorama, o equipo comezou ben en intensidade e presenza sobre a pista. Correndo dun lado para outro e sendo sólido en defensa, as celestes dominaron desde o inicio do encontro con seguridade. Con Emma Ronsiek no quinteto inicial respecto do presentado o mércores, Clementine Samson, que regresaba á Malata, onde disputara a segunda metade da pasada tempada, anotou con fluidez neste inicio do encontro. O partido convertíase desde o arranque nun constante toma e daca, con defensas agresivas que levaron a Sofía Campos e Margarite Doogan ao banco por faltas no conxunto ferrolán.
A primeira xogada desafortunada producíuse a falta de 40 segundos para o final do primeiro cuarto. Unha penetración do conxunto departamental levou por diante a Martina Vizmanos, arrastrada pola sua compañeira Dev<a Bermejo. A <arcelonesa recibiu un golpe no nocello dereito e tivo que abandonar a pista cara ao banco, entre evidentes acenos de dor.
Durante o segundo cuarto estivo camiñando para manterse quente e, preventivamente, viu o resto do partido desde o banco. Posible escordadura de nocello, pendente de determinar nas próximas horas. A xoven xogadora só puido achegar tres minutos de xogo.
O partido endureceuse no segundo cuarto. As canastras comezaron a chegar con contagotas e, nese escenario, o Celta apenas puido anotar mediante accións de Paula Salinas e María Gadkeng. Porén, a intensidade defensiva permitíalle manterse por diante e chegar a gozar dunha vantaxe de oito puntos.
Un parcial de 0-5, anotado pola hoxe visitante Doogan, obrigou a Dani Nieto a solicitar un tempo morto e devolveu a igualdade ao marcador cando se achegaba o descanso (27-24 a 1:36). A júnior Aldara Rodríguez acumulaba minutos —e tamén puntos— ante a redución de efectivos do conxunto vigués.
O partido quentouse entre a afección local polo desigual reparto de faltas (8-13 ao descanso), con Eke acumulando xa catro persoais antes do intervalo. Ao descanso chegábase con vantaxe celeste por 31-26.
O BAXI Ferrol reaccionou tras o descanso. cunha clara mellora na anotación, no acerto e no ritmo que levou a igualdade no electrónico de A Malata (35-34 a 6:01). Nieto solicitaba tempo morto para reordenar ideas, mentres no equipo ferrolán o seu novo reforzo, a lucense Esther Castedo, brilaba con luz propia.
A medida que pasaban os minutos, a rotación máis profunda do BAXI Ferrol facíase evidente. O conxunto local chegaba ao final do terceiro cuarto con catro puntos de vantaxe (43-47). As ferrolás teñen á volta da esquina a eliminatoria previa da Euro Cup e ese maior ritmo de preparación comezaba a notarse.
O último cuarto foi moi estraño no seu desenvolvemento. Tardáronse tres minutos e medio en mover o marcador. Os sinais de esgotamento físico fixéronse patentes e o Celta non conseguía anotar, aínda que as discípulas de Lino López tampouco estaban acertadas. Para máis dificultade, Paula Salinas caeu con estrondo e o golpe no peito deixouna durante uns instantes case sen respiración, aínda que se recuperou rapidamente.
Cando parecía que o partido se escapaba definitivamente (44-52 a 5:00), Salinas volveu aparecer. E de qué maneira. A galega anotou seis puntos consecutivos e o Celta rexurdiu como unha ave Fénix. As celestes chegaron a poñerse por diante tras un triplo de Deva Bermejo a 1:06 do final.
A 22 segundos, Doogan colocou o 57-59 cun triplo, nunha acción que deixou un novo susto físico no Celta, neste caso para Deva Bermejo.O seguinte ataque celeste non entrou, pero o Celta capturou o rebote ofensivo e dispuxo de sete segundos para tentar a última acción. Sen tempos mortos dispoñibles, no momento decisivo non se conseguiu chegar a lanzar a canastra e o triunfo acabou nas mans do BAXI Ferrol (57-59).
Un bo partido do equipo, que deixa un pequeno parte de guerra e que se espera que non traia consecuencias máis aló da alteración dos propios ritmos de pretempada.
OS DATOS
CELTA FEMXA ZORKA (57): Deva Bermejo (5), Paula Salinas (14), Clementine Samson (9), Emma Ronsiek (11), María Gadkeng (7) —cinco inicial—; Martina Vizmanos (-), Uxía Rodríguez (2), Diana Cabrera (4), Aldara Rodríguez (5) e Mireya Tapioles (-).
BAXI FERROL (59): Sandra Martínez (3), Sidney Shaw (-), Margarite Doogan (16), Iva Belosevic (13), Tayra Eke (7) —cinco inicial—; Carmela Permuy (3), Esther Castedo (9), Sofía Campos (-), Claire Melia (8), Nikola Priede (-) e Elena Baldonedo (-).
PARCIAIS: 19-16, 12-10, 12-21, 14-12.
ÁRBITROS: Jacobo Rial, Alejandro Pellitero e Nikita Ergin.
INCIDENCIAS: Segunda semifinal da Copa Galicia de baloncesto, disputada no Pavillón Municipal da Malata (Ferrol). No prolegómeno do encontro rendeuse homenaxe á selección galega de 3×3 U13, campioa de España de seleccións autonómicas, no que participou a nosa xogadora Carmen Rodríguez. O equipo chegou con media hora de atraso sobre o horario previsto debido a unha avaría no autobús que o trasladou ata Ferrol.
